13 de mayo de 2010

Nenos españois e xordanos participan xuntos en Animacam cunha Curta de Debuxos Animados

Dezaoito nenos de entre seis e doce anos, de orixe española e xordana, co respaldo da asociación PDA (Pequenos Debuxos Animados) e a colaboración do Instituto Cervantes, realizaron unha curta de animación no seu centro de Ammán (Xordania) en tan só cinco días.

O filme dos pequenos, leva por título “O meu amigo Amyad”, ten unha duración de oito minutos e está baseado na vida real de dous beduinos que viven no deserto de Wadi Rum. O equipo dos dezaoito rapaces (nove españois e nove xordanos), que realizaron os debuxos, os fondos e a concepción da idea da obra nunha semana, estivo coordinado por PDA (Pequenos Debuxos Animados), unha asociación de artistas audiovisuais que realiza proxectos de curtametraxes de animación coa colaboración de nenos de idade temperá. Co emprego dunha metodoloxía lúdica e didáctica, pretenden así explicar o proceso de creación dun proxecto audiovisual animado.

Ademais desta obra, a asociación expuxo un tour de animacións desenvolvidas en diferentes puntos do país e o resto do mundo, por exemplo Madrid, Zlin (República Checa), Roma ou Orán (Alxeria). O equipo de PDA está composto por Mario Torrecillas (director), Tyto Alba (debuxante e animador), David Borrull (realizador de animación) e Pablo Hernández (experto en artes visuais); catro profesionais da animación que uniron as súas forzas para desenvolver este proxecto pioneiro na introdución á aprendizaxe da creación audiovisual.


Como non podía ser doutro xeito, Animacam seleccionou o traballo para Concurso na categoría de Curtametraxe da Sección Oficial, sumando así xa, nesta recentemente estreada 3ª Edición, 70 películas de 27 países, a catro meses aínda da fase de votación. Este é un claro exemplo de como Limaia Produccións S.L. (produtora con sede en Sandiás, organizadora de Animacam.tv) pretende, coas aportacións dos usuarios e navegantes, ser punto de encontro entre creadores de debuxos animados e internautas de todo o mundo, como o é o Camiño de Santiago para a humanidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario